O PSdeG recrimínalle ao PP que non apoie as reclamacións contra Abanca polo peche de oficinas

Juan Carlos Francisco_PSdeG.

O voceiro de Economía do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, lamentou que o Partido Popular siga negándose a que a Xunta adopte medidas para evitar o continuo peche de oficinas en moitos concellos da comunidade autónoma. O deputado do PSdeG incidiu en que este posicionamento resulta especialmente grave nun contexto no que se está a rexistrar un peche “draconiano” de oficinas, sobre todo en concellos pequenos e que afecta de maneira especial á xente que vive en municipios de menos de 2.000 habitantes. Ao tempo, considera inexplicable que o PP votase en contra desta proposición socialista cando Abanca “ten una débeda con este país e a Xunta debe demandarlle a esa entidade responsabilidade social con Galicia”.

Tras recordar que a Xunta de Galicia mete a Abanca nunha sociedade para xestionar os Fondos Europeos e lle concede unha universidade privada, o deputado socialista preguntouse “cales son as razóns que asisten ao goberno galego para non presionar politicamente a esta entidade co fin de evitar o peche de oficinas, especialmente nos concellos nos que é única oficina”.