Ata o vindeiro 2 de novembro está aberto o prazo para solicitar participar na segunda convocatoria do programa Elixe Galicia, que se desenvolverá entre o 10 de marzo e o 15 de novembro de 2021. Dirixido a xente nova menor de 30 anos, ás familias con fillos menores de idade e a pensionistas maiores de 55 anos, ata o de agora se rexistraron case 2.000 solicitudes para optar ás viaxes en 2021, polo que desde a Xunta anímase aos cidadáns a participar nun programa co que se busca fomentar o turismo interior fóra de tempada alta.
Os interesados teñen que solicitar a súa praza, achegando toda a documentación solicitada, a través das axencias de viaxe ou da sede electrónica da Xunta. No caso de seren beneficiados, terán que solicitar a reserva da praza a partir de febreiro de 2021, un trámite no que se terá en conta a orde de inscrición e os condicionantes económicos.
Todos os usuarios que obteñan abonarán un prezo fixo correspondente a prezos de tempada baixa e dependendo do programa no que se inscriban, mentres que a Xunta subvenciona o 40% da viaxe. Existen catro diferentes programas creados expresamente para este programa vacacional: Vacacións en zonas costeiras; rutas de patrimonio histórico e cultural; rutas de natureza e montaña e estancias en balnearios. As viaxes teñen unha duración de entre 3 a 5 días, moitos deles en fin de semana.
Aínda que inicialmente esta segunda convocatoria tiña previsto contar con algo máis de 6.500 prazas, a previsión é que Elixe Galicia 2021 poida dispor de máis de 10.000 prazas, xa que se lle sumarán aquelas que non se cheguen a comercializar este ano.