- A inscrición permanece aberta en todas as propostas con prazas dispoñibles
Rotundo éxito, un ano máis, do programa municipal de actividades culturais e deportivas de inverno da Laracha. Dúas semanas despois do inicio do prazo para anotarse xa hai rexistradas máis de mil inscricións por parte de preto de 700 persoas (algunhas delas anotadas en máis dunha actividade) nas 31 propostas ofertadas para o público infantil e adulto.
Ximnasia de mantemento é a que presenta un maior número de inscritos cun total de 146. O Concello, mostrando o seu interese por descentralizar a oferta, e aproveitando a existencia de centros socioculturais, organiza esta actividade nas trece parroquias. En Paiosaco comeza este xoves e a semana que vén, nas outras doce localizacións.
Nas actividades para adultos, as inscricións xa están pechadas ao completarse todas as prazas dispoñibles nas tres quendas de pilates (60 inscritos) e de aeróbic (60 inscritos), nas dúas de ioga (40 inscritos) e en aquagym, arte floral na Laracha, restauración e tapicería, cociña, os cursos de iniciación á informática e a internet e os obradoiros de memoria e alfabetización da Laracha e de Montemaior.
No caso da oferta para o público infantil, están esgotadas todas as prazas en pequecociña e nunha das quendas ofertadas (noutras aínda hai prazas) en fútbol sala, robótica e gaming, pádel, patinaxe e zumba kids.
A inscrición permanece aberta en todas as aquelas actividades para nenos e adultos nas que non estea cuberto o cupo máximo. Cabe lembrar que a cota de inscrición é de 20 euros para toda a duración da actividade, e presenta descontos para maiores de 65 anos de idade, menores de 18, familias numerosas e aquelas familias nas que todos os seus membros se atopan en situación de desemprego. Tamén hai reducións no prezo a partir da segunda actividade.