Rexistrado un sismo de magnitude 3,9 con epicentro en Laza


Laza foi o epicentro dun sismo que se rexistrou esta pasada noite cunha intensidade de 3,9 grados na escala de Richter. Sentírono en boa parte de Galicia, con ducias de notificacións dende as cidades de Vigo e Ourense, pero houbo quen dixo percibilo incluso en Fene, segundo lle consta ao Instituto Xeográfico Nacional. O seu homólogo portugués rexistrouno tamén; do outro lado da raia en terras de Bouro e Braga. 

Nos puntos máis próximos ao epicentro de Laza sentiuse con intensidade catro, moderada e perceptible dentro dos edificios. Despois deste aínda houbo máis dunha decena na mesma zona, xa menores, de 2,5, ou de 2,9. Ourense leva así varios días, vivindo un fenómeno que chaman enxame sísmico, con máis de medio cento de tremores, case unha vintena en Laza nas últimas 24 horas. Xusto esta semana fai 24 anos do maior tremor rexistrado en Galicia, o de Triacastela, que en 1997 chegou a unha magnitude de 5,1. Todas as persoas que se puxeron en contacto co 112 Galicia coincidiron en sinalar que ninguén estaba ferido e tampouco se produciran danos materiais.