Rexistro policial en Alu Ibérica


Axentes da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Policía Nacional desenvolveron un operativo de case 8 horas de rexistro nas instalacións de Alu Ibérica na Coruña pola presunta despatrimonialización fraudulenta das plantas de produción de aluminio da Coruña e Avilés (Asturias), antigamente propiedade de Alcoa, e tamén rexistrou as oficinas en Madrid, Málaga e Castelló cun dispositivo de cen axentes.

A investigación está dirixida polo Xulgado Central de Instrución número 3 da Audiencia Nacional nas súas dilixencias previas declaradas secretas e coordinada pola Fiscalía Especial Contra a Corrupción e a Criminalidade Organizada.

No caso da planta coruñesa, numerosos efectivos entraron á fábrica e permaneceron solicitando información durante varias horas. Ao longo da xornada houbo algúns furgóns policiais nas portas da fábrica da Coruña, onde os traballadores continúan en folga indefinida polo despedimento dunha traballadora e de catro representantes sindicais.

O presidente do comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, pediu a todos os empregados da fábrica a “máxima colaboración”cos axentes na investigación para “que se aclare a verdade”.

Fontes de Alcoa aseguraron que cooperaron e colaboraron coas autoridades e lembraron que as plantas da Coruña e Avilés xa non son da súa propiedade.