Rey apela ao carácter aberto do galeguismo coruñés no centenario do Día de Galicia

1 minutes read

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, encabezou este venres un acto conmemorativo no Salón de Plenos, en que a corporación, autoridades e distintas personalidades celebraron o centenario do Día de Galicia. A rexedora falou deste fito como unha conquista máis do espírito da cidade, «que hoxe se reivindica como faro de Galicia, como berce e futuro, como actualidade dun país vizoso ao que lle queda moito por facer».

Rey sinalou que con motivo desta efeméride, cómpre dicir que a Galicia do 2030 non pode construírse sen contar coa cidade, e viceversa: «Somos vangarda. A Coruña volve presentarse como o que é e o que loce nas palabras que presiden a fachada do noso Pazo Municipal: Cabeza, Garda e Chave, Forza e Antemural do Reino de Galicia».

A alcaldesa asegurou no seu discurso que o coruñesismo actual é fondamente galeguista, transversal, aberto e reacio ás fronteiras, «como nos ensina o Atlántico» e que A Coruña da reactivación ofrece a Cidade das TIC; a Economía Azul «que debe ter o seu centro nos terreos portuarios»; as políticas de coidados e de sustentabilidade; as industrias textís, a sensibilidade social, o feminismo, o progreso e a cultura como motor.