Rey traslada a Sánchez o interese en acoller a sede da Agencia Española de Inteligencia Artificial

Cedida.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, mantivo no pazo de María Pita un encontro co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que está na Coruña presidindo o cume bilateral entre España e Alemaña. Sánchez achegouse ao pazo municipal onde saudou aos portavoces dos grupos antes de reunirse coa rexedora, un encontro no que Inés Rey agradeceulle que escollera a cidade para a celebración dunha reunión de relevancia internacional.

A alcaldesa analizou co presidente distintos temas de importancia para a cidade. Rey recordou que grazas ás xestións realizadas entre o Concello e o Estado, están en marcha investimentos na cidade que superan os 200 millóns de euros, entre o enlace ferroviaio con Langosteira, a estación intermodal e o dragado da ría. “Trasladeille ao presidente a necesidade de manter o ritmo de investimentos públicos para mellorar os servizos nesta cidade”, indicou Rey. A rexedora tamén lle comunicou a Sánchez que A Coruña optará a ser sede da Agencia  Española de Inteligencia Artificial. A Coruña, explicou Rey, reúne as características precisas para ese organismo, xa que conta cun tecido empresarial TIC que a sitúa como capital galega das novas tecnoloxías, ten en marcha a Cidade das TIC e mesmo conta un grao de Intelixencia Artificial impartido pola UDC.