A Xunta colaborou cos concellos de Ribadeo, Mondoñedo e Trabada na posta en valor e embelecemento de elementos patrimoniais que causaban impactos paisaxísticos, obras ás que destinou 32.700 euros. Igualmente, apoiou na Mariña sete reformas promovidas por particulares con achegas que sumaron 16.500 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou o resultado da restauración da fonte de Guimarán, en Ribadeo, xunto co director do Instituto de Estudos do territorio, Enrique Luis de Salvador, entre outros. Lembraron que están convocados de novo estes programas de axudas; os particulares interesados poden solicitalas ata o 21 de febreiro, mentres que os concellos dispoñen dunha semana máis.
Ao abeiro da pasada convocatoria, restauráronse na comarca a fonte de Ribadeo, un hórreo en Mondoñedo e un inmoble en Trabada. En todos os casos, a Xunta achegou o 70% do investimento das obras.