O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou o Instituto IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela, onde anunciou un investimento de máis de 2M€ para ampliar o centro. O obxectivo é dotalo o centro de seis aulas novas e outros espazos, ao tempo que se remodela o edificio xa existente. Tal e como sinalou o titular do departamento educativo da Xunta, a previsión é poder licitar a obra no inicio de 2024 e poder executala para o curso 2025/26.
“Esta obra enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para modernizar os colexios e institutos e adaptalos ás novas necesidades derivadas do ensino do século XXI, tanto no que se refire á amplitude e versatilidade dos espazos como á súa eficiencia enerxética”, explicou. No caso do Eduardo Pondal “búscase xerar espazo educativo, cunha ampliación en aproximadamente 1.000 m², nunha zona con crecemento demográfico, adiantándonos ás necesidades que poidan xurdir”, sinalou o conselleiro.
Román Rodríguez destacou, así mesmo, o compromiso da Xunta coas instalacións educativas de Santiago no marco deste plan. “Non en balde a ampliación deste instituto súmase á trintena de actuacións desenvolvidas durante a execución do plan neste concello”.
A ampliación realizarase sobre o edificio existente, en tres andares. Na planta baixa situaranse catro das aulas de clase, cunha saída nova ao espazo exterior, mentres que na primeira estarán as dúas aulas restantes e unha de tecnoloxía. No semisoto situaranse un aula de música, almacén, sistema de telecomunicacións, un espazo cuberto de 140 m² con comunicación directa á nova pista deportiva e un novo soportal de saída á zona de patio para facilitar entrada e saída do centro, ampliando así os espazos cubertos do centro.