Román Rodríguez avoga polo fomento do uso da lingua galega entre os máis novos

1 minutes read

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, achegouse ao Gaiás para participar en directo nunha retransmisión aberta e darlle a benvida a todos os nenos que, xunto coas súas familias, participaron no evento do Día Internacional da Lingua Materna, celebrado este domingo.

Na presentación, na que tamén participou a xornalista Esther Estévez, Román Rodríguez subliñou que a diversidade lingüística “enriquece a humanidade” e que o seu futuro só se pode asegurar “garantindo a continuidade e a transmisión familiar”. Deste reto non escapa o idioma galego que, aínda que é empregado por máis de 3 millóns de persoas e está incorporado ao sistema educativo, é necesario preservar a súa transmisión familiar, sobre todo no que atinxe ao seu uso por parte da xente moza e especialmente nos contextos urbanos. Unha tarefa que, en palabras do conselleiro, “debemos abordar todos xuntos, familias e gobernos; a sociedade xeral e os seus representantes políticos”.

Así mesmo, o conselleiro emprazou ás familias a seguir apostando polo galego como idioma nas relacións familiares, ao tempo que desde a Administración se lle dá seguridade xurídica en todos os eidos (educativo, laboral e social) e se fomenta o seu uso a través de materiais e espazos “para vivir e educar en galego”.