Rosa Quintana anima a todos os navegantes a peregrinar a Santiago por mar

1 minutes read

A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, animou a todos os navegantes de Galicia, España e do mundo enteiro a facer o Camiño de Santiago por mar para coñecer os encantos da comunidade galega desde unha perspectiva diferente, bordeando as súas costas. Fíxoo durante a presentación no Real Club Náutico de Portonovo da Travesía Náutica Xacobea 2022: a peregrinación a Galicia por mar, onde salientou que os participantes poderán gozar dunha ruta marítima “especial e singular” que emula a chegada dos restos do apóstolo a terras galegas a bordo da lendaria barca de pedra.

A Travesía Náutica Xacobea é unha peregrinación por mar a vela dun mínimo de 90 millas ata algunha das instalacións náuticas galegas e que continúa a pé polo itinerario oficial do Camiño Portugués durante sete quilómetros desde O Milladoiro (Ames) ata Santiago de Compostela. Nesta edición de 2022 Portos de Galicia propuxo que a peregrinación partise de Andalucía, remontando a costa portuguesa polo Atlántico para entrar en Galicia por Baiona e percorrer as Rías Baixas ata Portosín (Porto do Son) co obxectivo de promocionar un maior número de instalacións náutico-recreativas da comunidade.