A conselleira do Mar, Rosa Quintana, salientou a importancia de fomentar entre os máis cativos o consumo de produtos da pesca e a acuicultura galegas. Así o destacou no Museo do Mar de Laxe nunha visita enmarcada dentro da campaña da Xunta de Galicia Ti si que es un bo peixe e na que participaron medio cento de escolares do CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña, de Santa Comba, que previamente comprobaron a actividade que se desenvolve no porto e na lonxa locais, e que serviron para que puidesen coñecer no porto os distintos tipos de embarcacións, artes de pesca e especies que se capturan, e na lonxa comprobaron como é o proceso de primeira venda dos produtos pesqueiros e marisqueiros, como se celebra unha poxa e a importancia do etiquetado.
A visita ao Museo do Mar serviulles como aproximación á historia e costumes das xentes da Costa da Morte a través de diferentes maquetas, fotos, vídeos e mapas, entre outros. Antes de rematar a xornada, entregóuselles a cada escolar unha bolsa con preparacións realizadas a base de peixe e os monitores realizaron unha pequena explicación sobre as súas propiedades nutricionais.
Máis de 5.700 escolares de entre 3 e 14 anos puideron coñecer en 2021 a través desta acción e de xeito ameno as distintas especies de peixes e mariscos que captura a frota galega e as súas propiedades nutricionais. Trátase dunha campaña posta en marcha o pasado curso para renovar a iniciativa O sabor da aventura está no mar, que entre 2010 e 2020 chegou a máis de 82.100 nenas e nenos.