Rosa Quintana destaca o papel do asociacionismo para impulsar a economía das zonas costeiras


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo en valor o importante papel que xogan as asociacións como os grupos de acción local so sector pesqueiro (GALP) na promoción dos recursos do mar e no desenvolvemento das economías costeiras. Así o sinalou na inauguración do segundo encontro de produtores do mar e da terra, ocio e turismo “Maridar. Sabor das Mariñas”, que acolle Sada ate o domingo.

Alí a titular de Mar tamén salientou que un bo xeito de difundir os recursos marítimo-pesqueiros e os bens vencellados á costa é a combinación das ofertas de lecer marítimo, co turismo mariñeiro e outras actividades náuticas. Nesta liña puxo como exemplo o encontro Maridar que fusiona esas vertentes a través de expositores nos que se ofertan produtos do mar e da terra, charlas formativas e actividades de formación, obradoiros e tamén mediante actividades conxuntas con actores do turismo mariñeiro, marítimo e náutico-recreativo.

Ademais a conselleira agradeceu a todos os organizadores o seu traballo para sacar adiante este encontro “no medio dun contexto de extraordinaria dureza”, en especial á Federación de Asociacións Empresariais das Mariñas e ao GALP Golfo Ártabro Sur por presentar o proxecto que sustenta este evento e que contou cunha axuda da Xunta de preto de 60.000 euros para promover os produtos da Reserva da Biosfera Mariña e Terras do Mandeo.

Ambas asociacións, engadiu Rosa Quintana, son paradigma de implicación sectorial e colaboración social cos obxectivos de “reivindicar a calidade dos produtos do mar de proximidade, crear emprego e diversificar a actividade económica”. Neste sentido, a titular de Mar apelou “a seguir traballando máis que nunca” para impulsar proxectos que, como este evento, aposten pola produción e o consumo de produtos alimentarios e artesanais e por unha economía de futuro, con raíces no tradicional e na sustentabilidade.