Rosa Quintana enxalza o labor do GALP Costa Sostible na difusión da cultura mariñeira

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo este mércores en valor o traballo que desempeña o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Seo de Fisterra ría de Muros-Noia Costa Sostible na difusión da cultura mariñeira entre os máis novos. Fíxoo na clausura do programa Mar Galaica Ensina, desenvolvido por este GALP.

Este programa incluíu obradoiros, rutas, exposicións e actividades didácticas dirixidas á educación infantil e secundaria e unha guía de actividades didácticas orientadas ao coñecemento da cultura e oficios relacionados co mar e ás boas prácticas medioambientais e de consumo, entre outros aspectos. Deste xeito, recalcou a titular de Mar, o GALP “pon en valor os recursos endóxenos, fomentando a iniciativa empresarial, a innovación e a cooperación entre zonas para un mellor aproveitamento de potencialidades comúns”.

Nesta liña, a conselleira incidiu en que “aproveitar os recursos que o noso mar nos brinda sempre foi un reto para Galicia e o xeito de sacar partido á relación senlleira que mantemos co mar”. Neste reto, engadiu, “hoxe en día toman maior protagonismo as novas xeracións, porque delas depende atesourar a nosa cultura, conservar o noso mar, e cultivar o sentimento de orgullo mariñeiro galego”.

Por último, Rosa Quintana felicitou ao GALP Costa Sostible “por saber como concienciar ás vindeiras xeracións” e salientou que o futuro de Galicia “ten que apoiarse no desenvolvemento de todos e cada un dos sectores tradicionais do mar”. A titular de Mar tamén felicitou no acto de clausura, no que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, aos centros educativos participantes no programa polos traballos realizados no marco desta iniciativa.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha