Rosa Quintana visitou a nova cámara frigorífica de conxelado do porto de Corme

1 minutes read

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, realizou unha visita ao porto de Corme, onde comprobou o funcionamento da nova cámara frigorífica de conxelado que teñen neste peirao para almacenar cebo, unha actuación subvencionada pola Xunta no marco das axudas para mellorar as infraestruturas dos portos, lonxas e lugares de desembarque e as condicións de traballo dos pescadores. Para este proxecto a confraría de pescadores recibiu unha axuda de máis de 51.200 euros. Esta actuación consistiu na desmontaxe da cámara frigorífica de conxelado antiga e na montaxe, instalación e posta en funcionamento da nova. Esta mellora, subliñou Rosa Quintana, supón un avance nas condicións de seguridade dos usuarios desta instalación e contribúe á competitividade e viabilidade das empresas pesqueiras da zona, coa inclusión da pesca costeira artesanal.

A titular de Mar, que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, aproveitou a ocasión para lembrar que a convocatoria de 2022 deste tipo de apoios está aberta ata comezos de marzo e que o Executivo galego destina a ela 7,4 millóns de euros, a distribuír nas anualidades 2022 e 2023. Neste sentido, animou ao sector a facer as súas solicitudes e sinalou que destas axudas poden beneficiarse as confrarías de pescadores, as organizacións de produtores da pesca, as cooperativas e as asociacións de marisqueo a pé e de redeiras. Tamén poden optar a elas as administracións públicas con competencias en portos para proxectos dirixidos á pesca costeira artesanal. Todas elas deben ser entidades sen ánimo de lucro.