A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou en Cabana de Bergantiños o taller ocupacional do proxecto de economía circular Diversiplás+Diverso–Plástico, coordinado pola Asociación Íntegro ao abeiro do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Costa da Morte. Alí puxo en valor o labor que realiza esta asociación no tratamento do lixo mariño e na integración sociolaboral das persoas con diversidade funcional.
Este proxecto consiste na valorización de residuos mariños de plástico con accións de asesoramento e visibilización da inclusión social, concienciación ambiental, técnicas de reciclaxe e deseño de produtos. Para iso colabora con confrarías de pescadores, asociacións do sector pesqueiro e concellos e, a través do obradoiro que coñeceu a conselleira, outorga aos participantes as competencias necesarias para dar unha segunda vida ao lixo mariño.
Deste xeito, no centro de Íntegro reciben e seleccionan por cores os plásticos, realizan un tratamento manual e despois os residuos pasan por máquinas para os procesos de triturado, inxección, extrusión e compresión. A continuación producen distintos produtos, entre eles pequenos testos para as plantas, colgantes, brazaletes e agullas para redes.