Rosalía, 182 anos de historia


Hai 182 anos nacía unha Rosalía de Castro aínda descoñecida no naquel entón Concello de Conxo, que pouco sabía do impacto que ía ter en todo o pobo galego. Hoxe, case dous séculos despois, Galicia volve volcarse en reivindicar e conmemorar a súa vida, en Santiago coa Semana de Rosalía en Compostela . Ata o vindeiro 28 de febrereiro están previstas unha serie de actividades para unir á comunidade na celebración con ocio, cultura e música.

Fundación Rosalía de Castro e Raigame, a asociación veciñal do Ensanche, colaboran co Concello para celebrar á escritora da “forma máis axeitada”, como compartiu o Presidente da fundación, Anxo Angueira. “Reivindicándoa e levándoa tamén ao pobo“, continuou. Os colexios, os centros cívicos, os comercios e os establecementos hostaleiros, todos contribuirán para facer da nosa avoa nacional a protagonista.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), tamén conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro.

O 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo.

Para a edición de 2019 Ana Romaní a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, que terá lugar o propio domingo 24 no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG. así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas que a entidade remitirá a concellos, asociacións e centros de ensino.