- Este evento, onde a música e a poesía foron protagonistas, foi o punto de partida da programación cultural do Entroido
A biblioteca municipal María Baña, en Cabana, recibiu este mércores a visita de Rosalía de Castro e o seu marido, o historiador Manuel Murguía, con motivo do 185 aniversario do nacemento da escritora. A xornada contou con música e poemas en directo de man da Escola Municipal de Teatro, cuxos integrantes caracterizaron unha representación centrada en loar a vida, obra e importancia dunha das nais das Letras Galegas.
Este acto serviu tamén como punto de partida da programación cultural de Entroido, que arrincará esta fin de semana co ‘tren entroideiro’ a través dun percorrido por todas as parroquias cabanesas. Nesta cita participará de novo a Escola Municipal de Teatro, desta vez caracterizada como a Charanga Infantil dos Cabezóns, ademais do grupo de música ‘Os Farrapos’.
Concurso ‘Crea un meco‘
Por segundo ano consecutivo, o departamento de Cultura convoca o concurso ‘Crea un meco’, que no 2021 colleitou unha excelente acollida por parte de veciñanza.
O certame consiste na elaboración dun boneco ou un espantallo que deberá ser colocado nunha propiedade privada (casa, horta, leira, xardín…) da persoa participante. Deberá ser unha representación con temática asociada aos traballos de campo, do mar, o espertar da natureza ou expulsar a invernía e os malos augurios. As fotos e vídeos do meco poderán enviarse por WhatsApp ao 609 212 230 ou no correo cultura.concello@gmail.com.
Non haberá límite de idade para participar e a persoa gañadora levará unha tableta electrónica. O prazo estará aberto ata o 2 de marzo. A resolución publicarase o venres 4 e as bases estarán dispoñibles na web municipal.