Rosalía xa conta co seu xardín en Carballo

2 minutes read

O Xardín de Rosalía foi o gañador da edición 2021 do festival internacional que se celebra cada ano no concello ourensán de Allariz. Dende alí achegáronse varios membros do goberno municipal e a súa alcaldesa, Cristina Cid, lembrou que “ademais de competir con todas as propostas de diferentes países, non só foi o escollido polo xurado profesional, senón que as 40.000 persoas que pasaron polo certame decidiron que fose o xardín gañador e que, polo tanto, fose indultado e vivise un ano máis. E agora, unha vez que acabou a súa vida dentro do certame, a proposta do Concello de Carballo para trasladalo aquí non pode facernos máis ilusión, porque tanto ás paisaxistas que o deseñaron coma a nós, a posibilidade de que estas creacións, que son efémeras, poidan trasladarse a outro lugar, é de agradecer”.

No bautismo do Xardín de Rosalía de Castro non podía faltar a madriña, e de representar ese papel encargouse a actriz Larraitz Urruzola, caracterizada como dona Francisca e acompañada pola súa boneca Rosalía. E do mesmo xeito que ese fermosísimo espazo nos permite mergullarnos no poema Adiós ríos, adiós fontes, a actuación que abriu o acto inaugural achegounos os principais momentos vitais da gran autora galega.

Os astros aliáronse para que as malas previsións meteorolóxicas da semana pasada mudasen nun día de sol, ceo azul e mesmo calor. O Día da Poesía e Día da Árbore iluminárono aínda máis os máis de douscentos alumnos e alumnas do CEIP A Cristina, auténticos protagonistas da inauguración e futuros usuarios do espazo. “Este lugar gústanos moito porque nel pasamos momentos xeniais e divertidos coas nosas familias, amigas e amigos. E, a partir de agora, aínda nos parecerá un sitio máis especial”, dixeron os presentadores do acto, unha alumna de quinto curso e un alumno de sexto que o fixeron de marabilla.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?