Rosario Sarmiento, protagonista da Galería Mulleres de Muxía no mes de abril

1 minutes read
  • Especialista en coleccionismo e na historia da arte da muller en Galicia, o seu traballo contribúe decisivamente a facer visibles ás mulleres artistas

Muxía dedica a súa Galería Mulleres deste mes de abril á figura de Rosario Sarmiento, unha muller licenciada en historia, crítica de arte e comisaria de exposicións, xestora cultural e especialista en coleccionismo e na historia da arte da muller en Galicia.

O traballo de Rosario contribúe decisivamente a facer visibles ás mulleres artistas e con máis de trinta anos de experiencia profesional dirixiu a colección de arte de Caixa Galicia (sendo subdirectora da Fundación Caixa Galicia) así como o documental ARTE+MULLER+GALICIA, Premio ‘Luisa Villalta’ de Cultura e Igualdade da Deputación da Coruña no ano 2018.

Membro do comité científico da Asociación Cultural francesa Eau&Lumiere, tamén foi asesora científica da Ruta do Impresionismo das Mariñas do pintor Francisco Llorens. Ademais, colaborou con institucións como a Academia Galega de Belas Artes, Museo das Mariñas de Betanzos, Museo Casa Natal Picasso de Málaga, Chillida-Leku, Casa del Lector Madrid, Auditorio de Galicia, Museo MARCO, Museo e Bienal de Pontevedra, entre outros.

Foi crítica de arte de La Voz de Galicia (1992-1996) e Radio Coruña Cadena SER, (2012-2014), e na actualidade tamén realiza este traballo no Diario Cultural da RTVG. Colaborou tamén en revistas especializadas como Arte Ibérica, Arte Omega e Arco Noticias, Luzes, Mundiario e Sermos Galiza. É autora e coautora de artigos e diversas publicacións de temática artística.