Rouban nas instalacións da asociación Vieiro en Carballo

1 minutes read

Este martes pola mañá cando persoal da asociación antidroga Vieiro accedía ás súas instalacións notaron en falta a pantalla dun dos computadores, o que en principio foi un feito desconcertante, xa que unha vez inspeccionado o local non se detectou ningunha outra falta de material estando todo en perfecta orde, tampouco ningunha porta forzada nin ningún cristal roto, tendo en conta que as xanelas contan con reixas de protección.

Unha vez exploraron o local en detalle puideron ver que a xanela da oficina principal non estaba pechada do todo e apareceron algúns obxectos que estaban á beira da xanela no chan, polo que se deduciu que abriran a xanela desde o exterior e a través das reixas con algún obxecto conseguiron tirar da pantalla cara á reixa e subtraela.

Os feitos foron postos en coñecemento da Garda Civil, tramitando a denuncia correspondente no cuartel de Carballo, posteriormente trasladáronse ata as instalacións de Vieiro axentes da benemérita para inspeccionar as instalacións e iniciar as oportunas investigacións.

Desde Vieiro valórase o incidente como un feito lamentable, deixando de lado o valor do subtraído, xa que a entidade adícase altruistamente á prevención, información e asesoramento en temas relacionados coas adiccións e todo o que se faga en contra da súa sede vai en detrimento dos servizos que prestan ás persoas afectadas.

Desde a entidade tamén se lembra que nas súas instalacións non existen obxectos de especial valor económico, tan só hai o material mínimo de oficina para poder desenvolver o seu traballo.