Rouban un turismo dentro dun garaxe en Carballo e en varios máis na zona do Chorís

1 minutes read
  • Un minibús tamén foi roubado a última hora do venres na estación de autobuses de Carballo, aínda que xa foi recuperado.
  • Hai 15 días, os amigos do alleo, chegaron a levar un todoterreo Nissan Pathfinder da Brigada de Obras municipal, que abandonaron ás poucas horas en Rus.

Persoa ou persoas descoñecidas perpetraron o roubo dun turismo da marca Opel do interior dun baixo situado na rúa das Flores en Carballo. A subtracción produciuse sobre a medianoite do venres ao sábado tras ser forzado o portal do garaxe, o feito provocou unha gran alarma social na zona. Os veciños afirman que senten indefensos e atemorizados ante a inseguridade que xeran este e outros actos similares que se están producindo e pregúntanse que podería pasar se se atopan de fronte co autor ou autores do roubo. A propiedade do turismo cursou a correspondente denuncia para tratar de dar co seu paradoiro.

Os feitos delituosos esténdense polo barrio do Chorís, as queixas por falta de seguridade chegan neste caso da zona do aparcamento, recentemente acondicionado, xunto aos antigos depósitos da auga, na confluencia da rúa Vila de Corcubión coa Avda. Bergantiños. Varios turismos apareceron cos cristais rotos e a subtracción de diferentes obxectos do seu interior. O barrio do San Cristobo tampouco se libra, onde á última hora deste sábado tamén intentaron entrar en varios turismos con destrozos nas lunas dalgún deles. Ademais unha repartidora de pan denunciou o roubo dunha carteira con documentación de dentro dunha furgoneta cando se dispoñía a saír de reparto na céntrica Praza de Galicia.