Nun acto celebrado no Pazo da Cultura no que estivo apoiado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o presidente provincial, Diego Calvo, e polo secretario xeral dos populares na Coruña, Evaristo Ben, Lorenzo apelou á “unión e ao traballo” como vía para conseguir que Carballo recupere a súa condición de cabeceira de comarca e “volva ser a locomotora que tira da Costa da Morte”.
Con este obxectivo, o popular reclamou a axuda de toda a familia popular para conseguir que “Carballo volva ser o que nunca debeu de deixar de ser. Un lugar con futuro, ao que a xente quere vir, unha referencia industrial da comarca e un sitio onde os veciños teñen todas as súas necesidades cubertas”, indicou.
Nesta liña, o candidato popular, que insistiu na necesidade de continuar traballando duro como ata agora, fixo fincapé en que o seu proxecto pretende acabar con ese mantra que “tingue calquera acción, e calquera inacción, calquera xustificación e calquera argumento: ese mantra de conmigo ou contra min que marca a maneira de facer política do BNG en Carballo”.