Rueda anima a visitar a exposición sobre Laxeiro no Gaiás


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou na apertura da exposición Foi un home: Laxeiro en América (Buenos Aires. 1950-1970) que amosa, a través de 40 obras, a etapa artística do pintor lalinense durante a súa estancia na Arxentina e que poderá visitarse ata decembro na Cidade da Cultura de Galicia. Rueda animou a cidadanía a achegarse ata esta mostra para coñecer máis de preto a José Otero Abeledo, Laxeiro, ao que definiu como “o pintor galego máis importante do século pasado”.

A exposición recolle a etapa de madurez do artista en Bos Aires, onde estivo en contacto con outros pintores galegos do talle de Luis Seoane e Maruja Mallo así como con diferentes intelectuais que aspiraban a renovar en profundidade a cultura galega. A mostra, que conta con obras cedidas polo Museo Municipal de Lalín, o Museo de Pontevedra e Afundación, exhibírase xa na vila natal de Laxeiro (Lalín) e na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (Madrid). Tras a súa estancia en Santiago, a mostra poderá visitarse no Instituto Cervantes de París, “unha proba máis da relevancia internacional” de Laxeiro, segundo resaltou Rueda.

O presidente do Goberno galego salientou a importancia de Galicia na obra de Laxeiro. “Galicia inspirou ao Laxeiro máis universal e, en contrapartida, o pintor levou a nosa identidade polo mundo”, indicou Rueda, quen destacou que as creacións do artista de Lalín son “unha combinación constante entre renovación e paixón pola cultura popular galega”.