Rueda anuncia a construción dun novo treito de 7,5 km da autovía Santiago-A Estrada


O presidente da Xunta, Alfonso rueda, avanzou que o Consello aprobou na súa reunión semanal o expediente de información pública dun novo treito da autovía Santiago-A Estrada. Trátase de 7,5 novos quilómetros entre A Ramallosa (Teo) e o enlace coa PO-841, no Rollo (A Estrada) que se enmarcan na aposta do Goberno galego por “ampliar a rede de vías de altas prestacións libres de peaxe”, resaltou o presidente.

Rueda destacou que investimento total para ampliar esta vía “superará os 60 millóns de euros” e que as obras se dividirán en dúas fases: un subtreito entre A Ramallosa e Pontevea (AC-241); e e outro entre Pontevea (AC-241) e O Rollo (enlace PO-841).

Tal e como explicou o presidente, o Consello autorizou hoxe a información pública do novo treito de case oito quilómetros da autovía Santiago-A Estrada e tamén aprobou o proxecto de trazado do primeiro dos subtreitos, o que une A Ramallosa e o enlace coa estrada AC-241, en Pontevea, no municipio de Teo.

O investimento que o Goberno galego destinará a prolongar este novo treito de conexión por autovía do concello de Teo desde Santiago superará os 33,2 millóns de euros, incluíndo o pagamento dos 291 predios necesarios para impulsar estas obras.

No proxecto deseñado polo departamento de Infraestruturas, o novo trazado discorre de norte a sur, cunha lixeira orientación cara ao oeste e paralelo á estrada AC-841, atravesando o municipio de Teo.

A súa lonxitude é de algo máis de 3,5 quilómetros, con dous enlaces, un consistente na adecuación do actualmente existente na Ramallosa coa estrada AC-841 e outro de nova construción, sobre a estrada AC-241, situado ao final do treito. A Actuación inclúe 6 novas estruturas: viaduto de Santa Lucía, 3 pasos inferiores e 2 pasos superiores.