Rueda anuncia a posta en marcha do programa de Benestar en balnearios para persoas maiores


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Executivo galego vai poñer en marcha de novo o programa de Benestar en Balnearios para persoas maiores. “Tras varios anos de parón pola pandemia, vanse habilitar preto de 640 prazas en establecementos de balnearios para os meses de novembro e decembro”, sinalou Rueda, quen indicou que a Xunta vai destinar “preto de 140.000 euros” a esta nova edición, o que supón un 24% respecto da última convocatoria do programa, en 2019.

A Administración autonómica destinará un total de 136.000 euros a esta iniciativa, destinada a todos os maiores de 60 anos e tamén a aqueles que superen os 55 e sexan pensionistas, para mellorar a súa calidade de vida ao fomentar actitudes positivas cara o autocoidado da saúde e favorecer as relacións sociais.

Rueda destacou que, nesta nova convocatoria, se aumenta a achega que realiza a cada participante, chegando a financiar “case a metade do custo da praza”. En concreto, o Goberno autonómico pasa de financiar o 31% da praza ata o 43 %. Mañá sae no Diario Oficial de Galicia a publicación desta nova orde e a partir do luns todo aquel que queira pode solicitar a súa participación neste programa.

Ademais de impulsar a calidade de vida das persoas maiores, este programa, en que participan unha quincena de establecementos, pretende apostar polo sector dos balnearios que é punteiro na Comunidade.