O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que a Xunta poñerá en marcha o vindeiro mes de xullo o Bono Xove Xacobeo, un vale dirixido á mocidade con 500 euros de descontos en establecementos turísticos do Camiño de Santiago, dos cales a Xunta aportará 200. Rueda fixo este anuncio durante o acto de nomeamento da localidade de Campo Lameiro como Capital do Turismo Rural 2023 tras unha votación en toda España, promovida polo portal web Escapada Rural.
Rueda explicou que o obxectivo é seguir a impulsar as rutas xacobeas, un claro exemplo -ao igual que Campo Lameiro- do modelo turístico seguro e sostible no que traballa a Xunta desde hai anos para consolidar Galicia como referente neste sector. O novo bono turístico vai dirixido aos mozos e mozas que teñan o carné xove -é dicir menores de 30 anos- e estará dotado de 500 euros, dos que 200 serán aportados pola Xunta. Entre os requisitos para recibir este vale está que os beneficiarios deberán aloxarse un mínimo de catro noites en establecementos turísticos do Camiño de Santiago e facer un gasto adicional ao aportado pola Xunta de polo menos 300 euros.