O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a incorporación de sete patoloxías novas ao sistema de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias. Deste xeito, destacou que se elevan, ata acadar as 115, o número de patoloxías graves que van ter garantido o acceso a unha primeira consulta de especialista e a unha proba diagnóstica en menos de 45 días, e a unha intervención cirúrxica en menos de 60 días, ademais de oito vías rápidas.
O mandatario galego salientou a importancia desta ampliación para dar prioridade aos pacientes con pataloxías máis graves ou maior risco de complicación. Así, en concreto, detallou que se incorporan tres patoloxías relacionadas coa saúde das mulleres (neoplasia maligna de útero, displasia de colo uterino e displasia vulvar leve e moderada), así como catro tipos de linfomas (linfoma de Hodking, folicular, linfoma non folicular e linfoma de células T/NK maduras).
Igualmente, precisou que se engaden ao sistema de garantías as novas vías rápidas para primeiras consultas externas hospitalarias de cancro de endometrio e de onco-hematoloxía, creadas nos últimos anos pero que aínda non tiñan blindadas normativamente as súas garantías.
Ademais, no ámbito da atención a lesións potencialmente malignas do aparello reprodutor feminino, garántense as primeiras probas diagnósticas ou terapéuticas programadas e non urxentes no prazo máximo de 45 días. En concreto, o informe anatomopatolóxico da biopsia endometrial, a histeroscopia, o TAC e as probas de estadiaxe. Aínda así, como no caso de todas as vías rápidas fixadas, o obxectivo do Servizo Galego de Saúde é non superar unha media de 15 días.