Rueda anunciou a posta en marcha da planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa

2 minutes read

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este sábado que a nova planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa comezará a funcionar a partir do vindeiro 1 de decembro e dará servizo a 26 concellos cunha poboación total de 327.000 habitantes. “Vai atender directamente a un número moi importante de concellos, e que ademais, se complementará cunha serie de plantas auxiliares”, sinalou.

Está dotada da última tecnoloxía e que será, en parte, autosuficiente enerxeticamente a través de paneis solares fotovoltaicos. Ademais, destacou que “é a planta de compostaxe máis importante que vai haber na provincia de Pontevedra”. Esta infraestrutura está capacitada para tratar cada ano 15.000 toneladas da materia orgánica que os concellos recollan e outras 7.000 toneladas de material estruturante coma podas ou restos de madeira.

Ademais, a planta integrará todas as fases do proceso de compostaxe dos residuos orgánicos -desde o pretratamento e fermentación ata a maduración e almacenamento-, o que permitirá que cada ano produza unhas 6.000 toneladas de compost de alta calidade que será usado na agricultura e xardinería en substitución de fertilizantes artificiais.

A Unión Europea obriga a que os concellos recollan de forma diferenciada a materia orgánica a partir do vindeiro 31 de decembro. Será a través de contedores marróns, sistemas de compostaxe doméstico ou comunitario, entre outros.

A planta de Vilanova forma parte da rede pública de infraestruturas para a valorización da materia orgánica que conta con 17 instalacións que estarán activas a finais de ano e nas que a Xunta leva investidos 45 millóns de euros para a súa reforma ou construción co obxectivo de adaptalas á nova lexislación europea en materia de residuos.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?