Rueda anunciou en Coristanco a apertura do prazo de solicitude de praza nas escolas infantís galegas

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Política Social e Xuventude en funcións, Fabiola García, e do alcalde de Coristanco, Juan García, lembrou este mércores nunha visita á escola infantil da localidade que desde este sábado, 16 de marzo, e ata o vindeiro 5 de abril, está aberto o prazo para solicitar algunha das 10.500 prazas públicas das máis de 30.000 (públicas, privadas e de iniciativa social) que conforman a rede de escolas infantís que existen en Galicia, onde se ofrece a gratuidade de todas as escolas infantís a nenos e nenas de 0-3 anos, co que cada familia aforrará uns 2000 euros anuais por fillo. “Todas serán gratuítas e sen baixar a calidade”, remarcou Rueda, en referencia a que de xeito sucesivo se irá abrindo a matrícula ao resto da totalidade de prazas dispoñibles en toda a comunidade neste tramo de idade.

O mandatario galego en funcións explicou que, como novidade, este ano se dará máis puntos no baremo a aquelas familias nas que algún -ou os dous- proxenitores traballan. O titular en funcións do Goberno galego explicou que esta decisión se toma porque as familias nas que traballan ambos proxenitores teñen máis necesidades de conciliación.  

Así, se neste curso cada un deles recibía 7 puntos, no próximo curso recibirán 8, co que o total pasará de 14 a 16. O resto de baremación manterase como estaba, de forma que  seguirán tendo prioridade as familias numerosas, as monoparentais e as en risco de exclusión social.

Rueda departiu cos peques da escola infantíl de Coristanco.

“Pisar o acelerador” nos coidados

Durante a súa visita, Rueda puxo en valor o modelo galego, pioneiro na gratuidade e púxoo en relación coa medida que a partir de setembro se vai estender tamén ás matrículas universitarias. “Garantimos a gratuidade de toda a educación pública, desde onde todo comeza dos 0-3 anos, ata que se acaba cun grao universitario”, enxalzou.

Nesta liña, defendeu a aposta que leva realizando o Goberno galego pola atención das persoas con medidas e políticas de carácter social, “desde que naces ata que tes unha idade onde necesitas unha especial protección da Administración”, sinalou.

Precisamente, e malia que asegurou que a Xunta xa “se destaca polo coidado das persoas,” anunciou que na nova lexislatura o Goberno galego vai “pisar o acelerador” en materia de políticas sociais e “aumentalo aínda máis”. “Imos ser unha Administración que coida das persoas durante toda a súa vida”, garantiu para concluír.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha