O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo un encontro co comité técnico da Sociedade Impulsa Galicia, no que se avaliaron os principais proxectos nos que Galicia está xa traballando para captar fondos europeos Next Generation.
Así, dentro do Polo para a Transformación de Galicia impulsado pola Xunta coa axuda da Sociedade Impulsa -na que tamén participan Abanca, Sogama e Reganosa-, inclúese o proxecto de fábrica de fibras téxtiles sostibles de Altri, que suporá un importante fito na transformación industrial de Galicia, cun investimento de 800 M€ e 2.500 empregos entre directos e indirectos.
Arredor desta iniciativa, tal e como se subliñou na xuntanza, pivotan outros dous proxectos integrados no Polo, que serven de fonte de enerxía para a fábrica prevista en Palas de Rei (Lugo): o desenvolvemento dunha planta de produción de biometano a partir de xurros e o desenvolvemento dun centro de hidróxeno verde.
Ademais, Rueda puxo de manifesto durante o encontro que os diferentes proxectos incluídos no Polo para a Transformación de Galicia teñen carácter estratéxico e unha gran capacidade de tracción sobre o tecido empresarial galego, o que asegura o crecemento, o emprego e a competitividade, dando resposta aos desafíos que o contexto actual require desde o punto de vista económico, ambiental e social.