Na súa primeira intervención no Debate sobre política xeral o titular do Goberno galego anunciou a creación dun bono universal de 5.000 euros ao ano para todas as persoas con dependencia que reciban os coidados dun familiar, un veciño ou un profesional na súa propia casa. Tal e como explicou Rueda, estas axudas van converter Galicia na única comunidade en contar cun bono universal para persoas con dependencia sexa cal sexa o seu grao ou a súa renda e, polo tanto, converterá á comunidade no lugar con máis apoios para que os maiores sexan atendidos no seu fogar.
E no caso dos dependentes que xa conten cun bono para acudir ao centro residencial que desexen, van recibir un complemento de 1.200 euros ao ano. Este plus será independente da renda do destinatario ou do grao de dependencia.
Estas axudas sumaranse ao primeiro centro de coidados intermedios público de España que abrirá as súas portas en Santiago no 2024 e que situará a Galicia como líder nacional en apoio ás persoas con dependencia. Avanzarase tamén na creación dun segundo centro destas características no concello de Mos.
Por outra banda, Rueda tamén avanzou que a Xunta vai crear o Carné +65, que ofrecerá descontos ás persoas maiores da comunidade de forma semellante ao que xa ocorre co Carné Xove. Nun contexto de aumento de prezos e inflación, o Goberno galego aposta por apoiar aos galegos que chegan á xubilación con este documento que lles permitirá desfrutar de descontos en diferentes establecementos e servizos. Ademais, incluirá un programa de viaxes e estadías de lecer activo.