Rueda subliñou que esta nova convocatoria da Política Agraria Común (PAC) mantén elementos esenciais das anteriores pero “reformula a súa filosofía”. “Non se centra tanto nos requisitos que hai que ter para acceder ás axudas senón na consecución de recursos concretos”, indicou. O presidente resaltou que o obxectivo é ofrecer unha PAC “adaptada aos novos tempos e escenarios do rural”.
Dos 217 millóns de orzamento global para a convocatoria deste ano, uns 170 millóns de euros correspóndense cos pagamentos directos da PAC -mantéñense con respecto a anos anteriores- e 47 millóns de euros coas medidas de desenvolvemento rural asimiladas ao Sistema integrado de xestión e control (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas), que se incrementan con respecto á convocatoria anterior.
Así, cabe indicar que no tocante ás axudas ao desenvolvemento rural sobe a partida destinada ás achegas agroambientais (ata preto de 27 millóns), destacando as destinadas á agricultura ecolóxica que se incrementan ata os 9 millóns de euros. Neste caso concreto, de xeito consensuado coas organizacións profesionais agrarias aprobouse un orzamento de 45 millóns de euros para o período completo da PAC, ao incrementarse anualmente en máis do 130 % sobre o orzamento previsto inicialmente para 2023 (de 3,9 millóns de euros) e cun aumento do 183 % na dotación en relación co destinado no 2022 (3,18 millóns). “Triplícase o orzamento para a agricultora ecolóxica, un sector cada vez con mais puxanza”, indicou Rueda.