Rueda clama para que Galicia sexa unha terra libre de violencias machistas

1 minutes read

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este sábado a importancia de involucrar a toda a sociedade na loita contra a violencia de xénero para converter Galicia nunha terra libre de calquera agresión ou discriminación cara ás mulleres. “É unha tarefa colectiva e das más importantes e urxentes que temos como sociedade”, resaltou.

Durante o acto institucional da Xunta polo Día contra a violencia de xénero, que se celebrou no concello pontevedrés de Soutomaior, Rueda salientou que obxectivo do Goberno galego é camiñar cara unha Galicia máis xusta e igualitaria “na que non teñen cabida as violencias machistas” que, asegurou, son unha das principais consecuencias “da desigualdade”. Por iso, instou ao conxunto dos galegos a apostar pola “tolerancia cero” e a “denuncia permanente” ante este tipo de actitudes e animou a todos “a chamar as cousas polo seu nome”.

Para iso, asegurou que é importante concienciar a poboación de que a violencia de xénero “ten moitas caras” e vai máis aló das agresións físicas. O presidente puxo como exemplo de comportamentos inaceptables controlar o móbil da parella, aproveitar a posición de poder para someter a unha muller, os menosprezos constantes ou a difusión de imaxes íntimas sen permiso.

Para avanzar cara unha Galicia libre de violencias machistas, Rueda asegurou que hai que actuar en diferentes eidos: desde a prevención e detección temperá dun posible caso de violencia ata a resolución do problema con medidas policiais e xudiciais e o apoio posterior ás vítimas.

Precisamente, o acto institucional deste 25-N —celebrado baixo o lema ‘Entre todas e todos’— contou cunha mesa redonda sobre a prevención e sensibilización da violencia de xénero na que participaron representantes do eido xornalístico, educativo, sanitario, da policía e dos Centros de Información á Muller.