Rueda convoca aos representantes da oposición a senllas xuntanzas o día 6 de xuño


Tal e como avanzou este domingo, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, convocou por carta a senllas xuntanzas o día 6 de xuño aos dous representantes da oposición parlamentaria en Galicia: a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Belén Pontón Mondelo, e o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso.

“Gustaríame tomar a iniciativa e comezar unha rolda de contactos cos representantes da oposición para poñer en común a vosa visión e a da Xunta respecto á situación actual e futura de Galicia”, expresa o presidente na súa misiva.

Entre os asuntos que, ao seu xuízo, son prioritarios para Galicia, Rueda cita a suba abrupta dos prezos ata niveis descoñecidos nos últimos 30 anos, a necesidade de que os fondos europeos contribúan a unha reactivación sólida e sostida e a necesidade de seguir mellorando a calidade dos nosos servizos públicos.

O presidente da Xunta expresa na carta a súa intención de consensuar coa oposición unha posición única da Comunidade Autónoma de cara á reunión que manterá co presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, cando este a convoque.