O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a capacidade de Galicia para impulsar a innovación e as tecnoloxías avanzadas que teñen convertido a Comunidade en “pioneira” e referente na aplicación dixital en diferente eidos, como a sanidade ou a educación.
Así o puxo en valor durante a inauguración do V Congreso Internacional CIOS da Asociación para o Progreso da Dirección (APD), na que estivo acompañado polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos. No acto, o presidente do Goberno galego remarcou como Galicia se ten situado á vangarda en avances en tecnoloxías innovadoras e na súa aplicación en materia sanitaria. Neste eido, situou a comunidade como pioneira na implantación do sistema de historia clínica electrónica ou na elaboración dun mapa xenómico de 400.000 galegos e galegas, a través do Proxecto Xenoma, “que vai ser beneficioso para a detección precoz de enfermidades”, enxalzou.
Nesta mesma liña da aposta da Administración galega por estar á vangarda na aplicación de tecnoloxías avanzadas, salientou a incorporación do libro electrónico nos centros escolares e o impulso dado desde o Goberno galego para contar en Galicia co ordenador cuántico máis potente do sur de Europa e tamén na normalización do teletraballo, do que apuntou que se ten evidenciado as súas vantaxes e eficacia no aforro de tempos e esforzos.
Tamén fixo especial mención á localización na cidade da Coruña da Sede da Agencia Española de Inteligencia Artificial (Aesia), da que salientou o papel que cumprirá nesta materia “desde Galicia para España e toda Europa”, defendendo a necesidade de asentar unha regulación que “humanice” esta nova aplicación.