Rueda destaca o compromiso da Xunta co Parque Nacional das Illas Atlánticas


Nunha visita á illa de Ons, para conmemorar o 20 aniversario do recoñecemento do conxunto destas illas como Parque Nacional, Alfonso Rueda puxo a súa xestión como exemplo de sustentabilidade grazas ao traballo que nas dúas últimas décadas levou a cabo a través do Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX). “As Illas Atlánticas son un exemplo do modelo turístico que queremos impulsar desde a Xunta -indicou-. Un destino privilexiado do que Galicia pode presumir e que hai que coidar entre todos”. Ademais indicou que o investimento de 6 millóns de euros entre este ano e o seguinte permitirán levar a cabo unha serie de actuacións nas Illas Atlánticas como a conservación e mellora da biodiversidade, a recuperación da vexetación autóctona, medidas para a eficiencia enerxética ou a renovación das infraestruturas e servizos. No caso da illa de Ons, ademais, vai reformar e actualizar todo o sistema de depuración de augas residuais e a rede de abastecemento de auga potable, obras que, segundo avanzou Rueda, van comezar no mes de setembro cun orzamento de 800.000 euros.