O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este mércores o compromiso da Xunta con Vigo coa total recuperación da fachada marítima cun investimento global de 14 millóns de euros.
“Xuntos, o Goberno galego e o Porto faremos posible este obxectivo” aseverou, durante o acto de sinatura do convenio entre a Administración autonómica e a Autoridade Portuaria de Vigo para o fomento da mobilidade sostible na fachada marítima, no que tamén estivo a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.
Rueda aseverou que con esta iniciativa Vigo dá un novo paso para a construción do seu futuro como cidade, demostrando que a vida económica dun porto de referencia internacional pode ser compatible cunha vida urbana plena e sostible, ao recuperar un valioso espazo público para o uso e desfrute dos vigueses.
Ademais nomeou o esforzo que está a facer a Xunta en Vigo: no hospital Álvaro Cunqueiro, no remate da Cidade da Xustiza, no impulso de 1.600 vivendas en Navia, na ampliación do Ifevi ou na finalización da nova estación de autobuses da intermodal.