O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que Galicia acaba de rexistrar máximos históricos de chegada de peregrinos ao superar xa as 438.307 compostelas emitidas ao peche de 2022, que era a cifra máis alta acadada ata entón. O titular do Goberno autonómico salientou o feito de superar esa cifra cando aínda queda mes e medio para rematar 2023 e tendo en conta que non é Ano Xacobeo.
Rueda, participou na homenaxe ao peregrino número 438.308 deste ano, que foi José Manuel, de 79 anos, e que percorreu máis de mil quilómetros pola ruta xacobea. O presidente galego recibiuno no Museo de Peregrinacións e de Santiago, e fixo fincapé na importancia deste novo fito do Camiño de Santiago, lembrando que hai só tres anos, en plena pandemia, o sector turístico foi un dos máis afectados polas restricións de mobilidade.
Nesta liña, asegurou que detrás das boas cifras que está a acadar o Camiño neste 2023 está o incremento en case un 30 % dos peregrinos estranxeiros -que xa representan máis da metade do total- e tamén fixo fincapé no aumento de peregrinos fóra da temporada alta, o que contribúe a desestacionalizar o turismo.