Rueda destacou ‘o bo ritmo’ das obras de ampliación da autovía Santiago-A Estrada

1 minutes read

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou “o bo ritmo” das obras de ampliación da AG-59 que permitirá conectar Santiago de Compostela e A Estrada en só dez minutos a través dunha vía de altas prestacións sen peaxes. “É unha infraestrutura moi demandada e necesaria que vai ter unha gran incidencia na améndoa central de Galicia, en todos os concellos que hai arredor da capital”, indicou

Os traballos de ampliación vanse dividir en dous treitos: 3,5 quilómetros entre A Ramallosa e Pontevea (ambos no concello de Teo) e outros 4 quilómetros para conectar Pontevea e A Estrada.

O titular do Goberno galego, acompañado da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, visitou hoxe os traballos do primeiro treito que comezaron o pasado mes de outubro. O investimento para este tramo é de 36 millóns de euros e, tal e como salientou Rueda,  a previsión é que estea operativo a finais do verán de 2025.

En paralelo, a Xunta vai traballar para avanzar no segundo treito. A previsión é aprobar o proxecto de obra no terceiro trimestre do ano e poder licitalas a finais deste 2024.