O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este mércores que a licitación da prolongación da autovía da Costa da Morte con 5,8 novos quilómetros de vía de alta capacidade libres de peaxes, supón contar con “infraestruturas máis sostibles, máis seguras e máis cómodas para os usuarios”: “Un proxecto longamente esperado pero que agora se publica. Unha prolongación dunha infraestrutura empezada hai moito tempo, que da un paso importante e queda para as medras”, resaltou o presidente.
Intervención de Alfonso Rueda.
A Xunta investirá 36,3 M€ para este novo treito que estará limitado a 100 km/h. As obras resultan de gran complexidade técnica, xa que inclúen a construción de dous enlaces e a previsión dun terceiro; tres viadutos; seis pasos superiores; tres pasos inferiores; e seis obras de drenaxe. A estrutura máis singular será o viaduto sobre o río Vimianzo, que permitirá o cruzamento da vía sobre esta contorna e que terá preto de 250 metros de lonxitude: “Facer infraestruturas nunca é sinxelo, implica un esforzo orzamentario importante; pero este é outra das vantaxes de ter os Orzamentos en vigor”, remarcou Rueda.
Todas estas actuacións permitirán conectar mellor a zona, reducir os tempos dos usuarios e seguir proporcionando comodidade e seguridade aos usuarios: “Oxalá que esta decisión sexa o principio de moitos máis investimentos que fagamos nesta comarca”, apuntou o presidente. Neste sentido, o obxectivo da Xunta é darlle continuidade ao tramo de autovía da Costa da Morte que se puxo en funcionamento no 2016, con case 28 quilómetros libres de peaxe que comunican os concellos de Carballo, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Zas e o termo municipal de Vimianzo, ata Santa Irena.

DISCREPANCIAS DA OPOSICIÓN
O BNG PÍDELLE AO PP MENOS PROPAGANDA E MÁIS INVESTIMENTOS NA COSTA DA MORTE
O BNG da Costa da Morte demanda ao PP “menos propaganda e máis investimentos” na comarca, logo de que este mércores 7 de xaneiro o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a conselleira de Infraestruturas, “e toda a recua de cargos do Partido Popular”, acudisen a Vimianzo para anunciar a Licitación do que a Xunta denomina 1ª Fase de prolongación da autovía da Costa da Morte (Treito entre Santa Irena-AC432), “sen ruborizarse e sen pedir a mínima desculpa”.
Os nacionalistas sinalaron que “despois de anos da nosa insistencia no parlamento galego para que se retomaran as obras de remate da autovía prometida no ano 2003 polo desastre do Prestige, por fin van aparecendo os froitos deste traballo político”. Mais subliñaron que “o que menos esperabamos desde o Bloque da Costa da Morte era que o PP, que goberna a Xunta desde hai 17 anos, tivera a pouca vergoña de vir a anunciar e facer propaganda dunha obra que non é a que prometeron, porque non vai ser unha prolongación da autovía, senón un corredor dun só carril por sentido, por moito que se empeñen en camuflalo co nome do proxecto, e que tiña que estar rematada hai moitos anos”.
Para o BNG “é inmoral que o Partido Popular malgaste ademais os cartos públicos nun acto de propaganda e de publicidade partidista para anunciar un mero trámite administrativo do procedemento, a licitación da obra”. A formación nacionalista considera que “o que se podía anunciar cunha nota de prensa, faise cun acto a todo bombo que lle custa cartos á Xunta; cartos que se podían aforrar e aproveitar para facer algún centro de día público na comarca, porque non temos, ou para facer vivenda pública, que tampouco a hai nin hai previsión de facela”.
O deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, ve moi claro que “hai que ter pouca vergoña e moita cara para anunciar a bombo e pratiño o que é un incumprimento en toda regra, no fondo, na forma e no tempo. Despois de anos de espera e incumprimentos, un político sensato non viría a alardear e presumir dun engano, pero o PP está curado de espanto”.

Xuntanza de membros do BNG este mércores en Santa Irena.
O político corcubionés manifestou que “é un avance que custou moito conseguilo, mais seguiremos traballando duro nas institucións para ter unha autovía, non un corredor, e para que se tramite o resto de fases ata rematar a obra enteira”. Por último, pediulle á Xunta de Galiza que faga menos propaganda, que aforren os cartos e invistan máis na Costa da Morte, comezando por mellorar o transporte público ou eliminar a peaxe de Carballo a Coruña. “O PP non pode pedirlle ao goberno central a gratuidade da AP-9, e logo aquí coas súas autovías facer o contrario e seguir saqueando os petos dos veciños das zonas periféricas e que están en reto demográfico, como a nosa; unha mostra máis de que seremos os últimos, coma sempre, se é que rescatan algún día a concesión da AG-55”, insistiu Insua.
O PSdeG CENSURA O PROXECTO DE RUEDA PARA PROLONGAR SÓ 5,5 QUILÓMETROS A AG-55: “NON VAI SER AUTOVÍA, VAI SER UN CORREDOR”
A deputada socialista Patricia Iglesias criticou o proxecto de Rueda para a prolongación da AG-55 no termo municipal de Vimianzo. Iglesias lamentou que o Goberno do PP organizase esta mañá un acto para anunciar o inicio dunha licitación que só recolle a construción dun tramo de 5,5 quilómetros, entre Santa Irena e a estrada AC-432. Lamentou tamén que, por enriba, o novo treito “non vai ser autovía, vai ser un corredor”. Con esas palabras referíase a que, en lugar dúas calzadas separadas, vai constar dunha soa compartida para ambos sentidos de circulación.
A parlamentaria do PSdeG, que compareceu acompañada do deputado autonómico Aitor Bouza e a deputada estatal Obdulia Taboadela, entre outros cargos do partido, lembrou que a ampliación da autovía da Costa da Morte é, en orixe, “un proxecto con selo netamente socialista”, dado que se impulsou durante o Goberno de Touriño. Naquel momento contemplábase levar a AG-55 ata Berdoias, a máis de 15 quilómetros do punto no que remata a día de hoxe. Desa forma, salvaríase o núcleo urbano vimiancés. “Cando Feijoo chegou á Xunta, no 2009, decidiu paralizalo”, recordou sobre o longo atraso que acumula a execución dunha vía de comunicación vital para a comarca e que xa debería estar rematada. Neste caso, as obras, “como moito, estarán listas no 2028, que casualidade, coincidindo coas eleccións autonómicas”, dixo.
Tras anos de desleixo por parte dos Gobernos de Feijoo e Rueda, ademais de continuas promesas incumpridas, tardará aínda máis a extensión da autovía ata Berdoias. Por iso, Patricia Iglesias avanzou que o Partido Socialista manterá o seu compromiso coa finalización da infraestrutura. “Seguiremos reivindicando no Parlamento esta prolongación ata Berdoias, tal como estaba previsto no proxecto orixinario do Goberno de Touriño”, subliñou.

Membros do PSdeG este mércores en Santa Irena.
“Peaxes abusivas” entre Carballo e A Coruña
A deputada socialista tamén lle afeou ao PP o que cualificou de “incoherencia” respecto do prezo das peaxes en Galicia. Mentres que as estatais contan con bonificacións de ata o 75 % para usuarios e usuarias habituais, as da Xunta ofrecen descontos moi limitados.
“Piden a transferencia e a gratuidade da AP-9, competencia do Estado, pero resulta que a autoestrada da Costa da Morte -de titularidade autonómica- segue a manter unhas peaxes abusivas no tramo Carballo-A Coruña”, explicou. Esa situación tradúcese en que o Goberno popular da Xunta está “tratando como veciños e veciñas de segunda aos habitantes desta comarca”, engadiu.