Rueda exixe un compromiso real do Goberno central co AVE Vigo-Porto


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, exixiu un compromiso real do Goberno central coa alta velocidade Vigo-Porto por tratarse dunha “infraestrutura estratéxica e importante” para o desenvolvemento de Galicia, o norte de Portugal e tamén para todo o noroeste de España, “moi necesitada desta aposta estratéxica”, advertiu sobre esta conexión que permitirá reducir o tempo da viaxe entre as dúas cidades das dúas horas e vinte minutos actuais a menos dunha hora.

Rueda fixo esta reclamación durante a súa intervención na xornada Desafíos actuais en infraestruturas transfronteirizas e desenvolvemento económico da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, organizada pola Agrupación europea de cooperación territorial (AECT) de Vigo, onde aplaudiu a decisión do Goberno portugués de poñer data ao inicio das obras de alta velocidade entre Porto e Vigo.