O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, garantiu aos galegos do exterior que teñen as portas abertas para retornar e emprender na terra das súas orixes, unha oferta que reiterou nun encontro coas directivas das entidades galegas na Arxentina coas que compartiu velada na súa viaxe oficial a Suramérica.
Alfonso Rueda recalcou que a Arxentina “é o país do mundo con máis galegos”, xa que residen alí unhas 180.000 persoas con raíces na Comunidade. Por iso, indicou que entendía a cidade de Buenos Aires “como unha continuidade de Galicia”, tendo en conta os 41 centros galegos dedicados á difusión cultural na Arxentina.
O presidente da Xunta reencontrouse coas entidades galegas na Arxentina nun acto celebrado na sede da Asociación Benéfica Cultural del Partido de Corcubión, onde chegou con dúas mensaxes dos galegos: unha de “agarimo” polo labor que fixeron no desenvolvemento de Galicia, e outra de “apoio” en relación ás iniciativas postas en marcha polo Goberno galego para axudar ás familias da emigración en todo o que precisen.
Nese sentido, animou a emprender o retorno a todos aqueles que desexen construír unha nova experiencia vital na terra das súas raíces facendo uso das oportunidades habilitadas polo Goberno galego, ben para formarse -coas bolsas Beme para estudar un mestrado ou as Bolsas Mocidade FP-, para emprender -con incentivos para a apertura dun negocio- ou para asentarse -con axudas mesmo para abonar un alugueiro-.