O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, solicitou a colaboración do Goberno central para unha transición ecolóxica que ampare os intereses enerxéticos e industriais de Galicia. No encontro que mantivo coa vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, Rueda obtivo compromisos en asuntos estratéxicos para a comunidade autónoma.
Rueda requiriu ao Goberno central máis flexibilidade nos prazos de tramitación dos proxectos de enerxía eólica previstos na Comunidade, especialmente aqueles con vinculación industrial. Pediu á ministra “ir da man” na tramitación das autorizacións que permitan resolver un asunto clave para o futuro industrial de Galicia.
O mandatario da Xunta indicou que Galicia está en disposición de converterse nun referente nacional na eólica mariña, polo que pediu unha implicación máis intensa do Goberno central coa tramitación do marco normativo necesario. Neste sentido, a vicepresidenta terceira comprometeuse a aprobar antes de que remate este 2022 o plan que ordenará o desenvolvemento destes parques.
Teresa Ribera comprométese a facelo e tamén a estudar a iniciativa da fábrica de fibras téxtiles anunciada para Palas de Rei que aspira a fondos europeos.