O candidato do PPdeG á Presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, celebrou na tarde-noite deste mércores sendos actos en Arteixo e Carballo. Na capital de Bergantiños o Pazo da Cultura acolleu ao redor de 300 persoas, entre os que se atopaban representantes dos populares en toda a comarca.
Acompañado polo presidente do PP da provincia da Coruña, Diego Calvo, a Conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e o presidente do PP de Carballo, Rubén Lorenzo, Rueda pediu o voto para seguir poñendo “sentidiño” e subliñou algunhas das máis de oitocentas medidas do programa electoral dos populares como a educación infantil gratuita entre os cero e tres anos, ou as axudas a persoas dependentes por contías de 5000 euros ao ano.
Rueda puntualizou que a educación universitaria contará con matrículas gratuitas para alumnos que aproben curso por ano.
No eido sanitario o candidato popular asegurou que a sanidade pública conta con 1.300 millóns de euros máis dos que tiña na época de goberno do bipartito e acusou á oposición de “pintar a nosa sanidade como a de un país de África ou un hospital de campaña na Ucraína”.
Críticas centradas no BNG
Alfonso Rueda amosouse moi critico coas candidaturas da esquerda, especialmente coa do BNG. O candidato popular asegurou que os nacionalistas teñen como obxectivo fundamental a independencia de Galicia e a derogación do Tribunal Constitucional. Concluíu acusando ao resto de candidatos de querer subir impostos.

Alfonso Rueda a súa chegada ao Pazo da Cultura de Carballo.