O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ratificou este luns a aposta de Galicia polas infraestruturas do norte peninsular para sumar competitividade tanto no transporte de mercadorías como do hidróxeno verde. Así o indicou trala reunión da Comisión do Arco Atlántico á que asistiu en Vitoria xunto co presidente de Euskadi, Íñigo Urkullu; o de Cantabria, Miguel Ángel Revilla, e o de Asturias, Adrián Barbón.
O mandatario autonómico, que acudiu ao encontro acompañado pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avogou por potenciar as comunicacións entre as Comunidades autónomas do norte para colocarse na primeira liña de saída perante os retos que se presentan a través dos Next Generation e as enerxías renovables.
O presidente da Xunta destacou que os representantes das catro Comunidades autónomas coincidiron na necesidade de apostar polo corredor atlántico de mercadorías para non quedar illados de Europa “e porque o pide a propia UE”, puntualizou. Recordou o cumio celebrado a finais de xaneiro en Galicia e no que participaron tamén Asturias e Castela e León, que tivo como consecuencia inmediata a creación do Comisionado que se reclamaba desde había anos, polo que o presidente de Xunta remarcou que este tipo de encontros permitían non só intercambiar comunicacións de interese senón tamén levar a cabo “accións coordinadas” con resultados satisfactorios.
Alfonso Rueda mostrou o apoio inequívoco de Galicia á reclamación acordada na Comisión do Arco Atlántico para que a conexión ferroviaria con Europa desde o norte de España pase por Euskadi e que o faga a través de Francia, de aí a necesidade de sumar ao país veciño para o enlace con esta infraestrutura prioritaria. Polo que respecta ao hidróxeno verde, Rueda indicou que Galicia aspira a ser un territorio clave no impulso dos gases renovables, pero precisa de infraestruturas para o seu transporte, de aí que a Comunidade galega apoie tamén a conexión da rede con Europa a través de Euskadi.