Rueda reafirma o seu compromiso coas infraestruturas de Lugo

Así o sinalou tras manter unha reunión coa alcaldesa da cidade, Lara Méndez, enmarcada na rolda de contactos que está mantendo o titular do Executivo cos rexedores das principais cidades galegas.

Rueda cualificou a reunión de “cordial” e considerou positivo que a Administración autonómica e a local poidan sentarse para abordar conxuntamente asuntos de interese para os lucenses como as infraestruturas, a vivenda, a sanidade ou os equipamentos deportivos e culturais.

No ámbito das infraestruturas, o presidente reafirmou o compromiso do Goberno galego coa cidade amurallada, que se reflicte en iniciativas como a estación intermodal ou a rolda leste. Sobre a primeira, precisou que está previsto licitar en cuestións de días a estación de bus, para a que hai reservada unha partida de 5,75 millóns de euros nos orzamentos do próximo ano, ao mesmo tempo que fixo referencia á achega autonómica de case o 40% dos costes para facer tamén o aparcamento.

En canto á rolda leste, insistiu en que o compromiso da Xunta é firme, tal e como reflicten os 5 millóns de euros reservados nas contas de 2024, e en que se seguirá buscando o máximo consenso, fundamental para unha infraestruturas tan relevante.

O presidente da Xunta tamén se referiu á boa situación na que se atopa o polígono das Gándaras, onde a Xunta xa leva adxudicados máis de 322.000 metros cadrados, cun aforro de 12 M€ para os beneficiarios, grazas ás nosas bonificacións do 50%. Algo que, segundo explicou o titular autonómico “redunda na economía de Lugo e dos concellos do redor”.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha