O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que participou en Rianxo no acto de colocación da primeira pedra da nova planta de adecuación a primeira venda de peixe plano de Stolt Sea Farm, fixo fincapé na importancia de que “Galicia se siga consolidando e que sigamos sendo unha referencia”.
O responsable do executivo autonómico, que estivo acompañado pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, apuntou que moitos territorios “están competindo por ter este tipo de actividades e por ser hubs de acuicultura”. Do mesmo xeito, subliñou que estas iniciativas son “industrias do futuro” e contribúen á soberanía alimentaria. Ademais, apostou por “estes novos enfoques da riqueza que dá o mar” sen descartar “o que facemos tradicionalmente e facemos mellor que ninguén”.
Na súa intervención, Rueda puxo en valor o compromiso con Galicia de Stolt Sea Farm e agradeceu que a compañía sexa “unha parte máis desa Galicia Calidade que exportamos por todas partes”.
A comunidade é unha potencia mundial en acuicultura, cun sector sólido e diversificado que agrupa máis de 2.500 empresas, dá traballo a 4.500 persoas e xera unha facturación superior aos 247 millóns de euros anuais. A comunidade é a principal produtora da UE de rodaballo de acuicultura e líder nacional en linguado, contando cun clúster acuícola recoñecido internacionalmente pola súa capacidade de innovación, xeración de valor engadido e creación de emprego cualificado.
Stolt Sea Farm, líder en acuicultura terrestre de rodaballo e linguado, dispón de sete granxas en Galicia, incluíndo a de Cervo, a maior do mundo. A nova planta de Rianxo supón un investimento próximo aos 45 millóns de euros e a creación prevista de 173 postos de traballo directos.
A Xunta considera a acuicultura un sector estratéxico e nos últimos meses, aprobou axudas por valor de case 60 millóns de euros. Ademais, xa se declararon 18 proxectos industriais como estratéxicos, dous deles aprobados, entre os que se inclúe o de Stolt Sea Farm.