Rueda reivindica o liderado de Galicia no sector da acuicultura e aposta por atraer novos investimentos

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que participou en Rianxo no acto de colocación da primeira pedra da nova planta de adecuación a primeira venda de peixe plano de Stolt Sea Farm, fixo fincapé na importancia de que “Galicia se siga consolidando e que sigamos sendo unha referencia”.

O responsable do executivo autonómico, que estivo acompañado pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, apuntou que moitos territorios “están competindo por ter este tipo de actividades e por ser hubs de acuicultura”. Do mesmo xeito, subliñou que estas iniciativas son “industrias do futuro” e contribúen á soberanía alimentaria. Ademais, apostou por “estes novos enfoques da riqueza que dá o mar” sen descartar “o que facemos tradicionalmente e facemos mellor que ninguén”.

Na súa intervención, Rueda puxo en valor o compromiso con Galicia de Stolt Sea Farm e agradeceu que a compañía sexa “unha parte máis desa Galicia Calidade que exportamos por todas partes”.

A comunidade é unha potencia mundial en acuicultura, cun sector sólido e diversificado que agrupa máis de 2.500 empresas, dá traballo a 4.500 persoas e xera unha facturación superior aos 247 millóns de euros anuais. A comunidade é a principal produtora da UE de rodaballo de acuicultura e líder nacional en linguado, contando cun clúster acuícola recoñecido internacionalmente pola súa capacidade de innovación, xeración de valor engadido e creación de emprego cualificado.

Stolt Sea Farm, líder en acuicultura terrestre de rodaballo e linguado, dispón de sete granxas en Galicia, incluíndo a de Cervo, a maior do mundo. A nova planta de Rianxo supón un investimento próximo aos 45 millóns de euros e a creación prevista de 173 postos de traballo directos.  

A Xunta considera a acuicultura un sector estratéxico e nos últimos meses, aprobou axudas por valor de case 60 millóns de euros. Ademais, xa se declararon 18 proxectos industriais como estratéxicos, dous deles aprobados, entre os que se inclúe o de Stolt Sea Farm.

Related posts

UCIN denuncia que Xunta e Goberno central antepoñen o ego político ao benestar cidadán no conflito da Policía Autonómica

Pontón a Rueda: ‘Os galegos e as galegas queren vivir en pisos dignos igual que vostede, non en baixos comerciais’

Prenden a unha muller tras agredir a unha menor no centro de Pontevedra