Rueda salientou en Madrid a capacidade de Galicia para captar investimentos


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou que a estabilidade institucional, a boa marcha da economía e a posición xeográfica estratéxica son os piares que fan de Galicia unha terra atractiva para o investimento. “Por Galicia paga a pena apostar”, proclamou o xefe do Executivo autonómico. Fíxoo durante a presentación da sociedade público-privada Impulsa Galicia en Madrid, encargada de identificar as oportunidades do escenario económico actual e poñelas ao servizo do progreso da nosa comunidade.

Como mostra da confianza que inspira Galicia, Alfonso Rueda anunciou que se vén de culminar con éxito a emisión de 500 millóns de euros de débeda pública. A demanda triplicou o importe que se ofrecía e permitiu lograr unhas condicións financeiras moi favorables en comparación con outras comunidades. O presidente destacou que a xustificación disto se atopa na xestión responsable: somos o territorio que menos incrementou o volume de débeda desde o inicio da crise económica, a única autonomía de réxime común que non foi rescatada e unha das CC.AA. con maior esforzo inversor de toda España.

A sociedade público-privada Impulsa Galicia, creada en abril de 2021, está a promover proxectos estratéxicos para o futuro económico e social de Galicia, como son a planta de fibras téxtiles sostibles de orixe vexetal que permitirá concentrar o 3 % da produción mundial destes materiais; unha factoría de hidróxeno verde que poderá producir ata 14.400 toneladas e un ambicioso centro de datos con capacidade para xestionar a práctica totalidade do ecosistema empresarial de Galicia.